Comercialización

A Confraría de Bueu encárgase da primeira venda e distribución dos produtos do mar extraídos polos seus asociados mediante poxa en lonxa ou ben directamente a empresas intermediarias, tanto almacenistas como retallistas, mediante acordos de venda.

Os produtos comercializados a través da Confraría son garantía de pesca artesanal, sostible e responsable co medio ambiente, de orixe galega e coa máxima calidade e frescura.

Polbo das rías. Pesca artesanal

 

Polbo das Rías é a primeira marca colectiva de polbo procedente de pesca artesanal que garante a súa orixe desde a súa captura e que ofrecemos en Confraría de Pescadores San Martín de Bueu.

Detrás de Polbo das Rías atópase un nutrido número de embarcacións de pesca artesanal dedicadas á extracción de polbo nas ricas Rías Baixas galegas que traballaron durante os últimos anos na procura de alternativas que permitan diferenciar e garantir a calidade ao consumidor do polbo que capturan.

 

A marca colectiva Polbo das Rías garante:

 

  1. Un control da calidade do polbo desde a súa captura (control en laboratorio dos parámetros de hixiene).
  2. Orixe do polbo capturado nas ricas augas das Rías Baixas galegas.
  3. Procedencia da frota artesanal galega.
  4. Identificación individual de cada polbo: rastrexabilidade individual.
  5. Procedencia exclusivamente de pesca extractiva.

 

 

Polbo das Rías é ademais unha ferramenta para mellorar a explotación e xestión do polbo procedente da pesca artesanal e, con iso, manter esta actividade, os pescadores, as súas familias, garantindo a substitución xeracional na pesca artesanal, un patrimonio cultural en Galicia.

Esixir a garantía de orixe e de rastrexabilidade é consumir responsablemente. Esixir a etiqueta do teu polbo é garantía de calidade.