Enviado por
Cofradia
el
Jue, 16/10/2025 - 12:57
Os pasados días 10 e 11 de outubro, a confraría de Mugardos levou a cabo o proxecto "Mellora do stock da ameixa xapónica a través da rexeneración de zonas de baixa produtividade. Ano 2025", enmarcado dentro da orde de axudas "Axudas a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perdas de produción e que contribúan a unha mellora da xestión e conservación sostible dos recursos mariños" (procedemento PE209H).
O proxecto consistiu no arado dun área fangosa de 8605 metros cadrados localizada nas inmediacións do porto de O Seixo (pertencente á enseada de A Barca). Esta primeira fase foi realizada empregando o vehículo marisqueiro da confraría, e serviu para mellorar a osixenación do terreo e facilitar o enterramento dun total de 825.000 individuos de ameixa xapónica cun tamaño medio de 15-18 mm, que foron liberados na zona ao día seguinte.
A pesar de que os proxectos de rexeneración sempre se intentan enfocar no mantemento da saúde dos stocks de especies autóctonas, coma as ameixas fina e babosa, a ameixa xapónica é a principal candidata para a rexeneración de zonas coma as deste proxecto. Isto é debido a súa maior resistencia e adaptabilidade a zonas tan fangosas, nas que a maioría das outras especies comerciais non adoitan desenvolverse ben.
Este proxecto contribuirá á mellora do stock da especie, que constitúe un importante apoio ás mariscadoras e mariscadores de a pé da entidade. En épocas nas que as poboacións doutras especies precisan ser xestionadas dun xeito máis delicado, a ameixa xapónica, coa súa maior resistencia e adaptabilidade, constitúe un importante sustento para garantir a actividade marisqueira e o percibimento dos ingresos polos nosos asociados, ademáis de contribuír a reducir presión pesqueira sobre o resto de especies.
Ademáis, o proxecto contribúe ao aproveitamento de toda a superficie produtiva xestionada pola entidade, xa que transformará unha área fangosa de moi baixa produtividade nunha zona de maior interese pesqueiro para os nosos asociados.
O custo total do proxecto foi de 14.850 €, financiados ao 100% pola Comunidade Autónoma de Galicia.
O custo total do proxecto foi de 14.850 €, financiados ao 100% pola Comunidade Autónoma de Galicia.