Resulta obvio que para que a pesca artesanal como profesión se manteña nun futuro as actividades pesqueiras deben realizarse de xeito sustentable. Tamén resulta evidente, dada a situación actual de escaseza, que se debe tratar de recuperar os recursos biolóxicos acuáticos así como fomentar a súa conservación mediante unha pesca sustentable. Tendo en conta o anterior, e dado que as entidades asociativas do sector pesqueiros son co partícipes da xestión realizada na pesca costeira artesanal, parece preciso que as Confrarías conten con persoal técnico que lles asesore na elaboración e seguimento dos plans e medidas de xestión, fortalecendo o control e recollida de datos, realizando sensibilización ambiental no ámbito da sustentabilidade, e formando ao sector pesqueiro e marisqueiro. Así, o obxectivo principal do proxecto XESTIONANDO O MARISQUEO é axudar á dirección da Confraría de Pescadores de Arcade a realizar unha xestión responsable e sostible dos recursos que explotan os seus asociados nos plans de xestión nos que participa a entidade.