Pescado

Salmonete

Dous aspectos característicos definen esta especie: as cores vermellas do seu corpo, que varían segundo a época do ano, e a súa barbicha, que usa para detectar e desenterrar os moluscos e crustáceos que lle serven de alimento. As diferenzas máis visibles entre este e o salmonete de lama son que o da pedra ten un rostro máis oblicuo e presenta tres ou catro bandas amarelas ao longo do corpo e a cor é xeralmente máis escura. Reprodúcese entre os meses de maio e xullo e pode chegar a medir ata 40 centímetros, aínda que o normal é que midan entre os 18 e os 25 cm.

Faneca

Posúe unha mancha escura no comezo da aleta peitoral. O corpo é máis forte polo dorso que polo ventre; ten a queixada superior lixeiramente máis longa que a inferior e a barbadela prominente. A liña lateral é moi curvada. A súa cor é cobreada no dorso, con catro ou cinco bandas verticais escuras. A súa lonxitude máxima é de 40 centímetros, pero raramente excede dos 20 centímetros. Reprodúcese a profundidades de 50 a 70 metros durante os meses de abril a maio e madura no primeiro ano de vida.

Xurelo

Son peixes de corpo alongado, fociño afiado e boca grande –coma os ollos– e inclinada. Ten pálpebras transparentes, escamas pequenas e, como característica máis distintiva, a súa liña lateral, que está formada por escamas moi desenvolvidas con forma de "ese" estendido. A cor dos xurelos varía entre gris, verdosa e azulada no dorso con reflexos metálicos, e os costados son grises prateados e o ventre branco. Ten unha mancha negra detrás da cabeza á altura do ollo. Acadan a madurez sexual ao segundo ano de vida (22 cm) e reprodúcense nos meses de verán.

Maragota

Esta especie posúe un corpo forte, cunha gran cabeza. Os seus beizos son grosos e carnosos, por onde asoman uns dentes moi fortes. Ten unhas escamas grandes e duras. Maragota e pinto son considerados dous morfotipos dunha mesma especie, aínda que estudos científicos falan da existencia de claras diferenzas nas súas características vitais, apuntando a posibles procesos de diverxencia xenética evolutiva. As maragotas terían tonalidades verdes e acastañadas e os pintos, vermellas con manchas brancas.

Sardina

Peixe de cor azulada, esvelta, con reflexos verdosos e prateados no ventre.Vive en augas superficiais, onde forma grandes mansíos que se aproximan á costa a finais da primavera e do verán. Poden chegar a medir ata 25 centímetros de lonxitude. A madurez sexual acádaa ao final do primeiro ano de vida (13 cm).

Xarda

Peixe de corpo alongado e cor verdosa azulada, percorrido por liñas verticais negras e un ventre prateado con tons brancos. Presenta unha especie de aletiñas (pínnulas) próximas ao rabo, tanto no dorso coma no ventre. Ten unha cabeza afiada e pode chegar a medir ata 50 centímetros. Acada a madurez aos dous ou tres anos e reprodúcese entre os meses de maio e xullo.

Subscribirse a Pescado