Seis confrarías, as de Malpica, Laxe, Corme, Camariñas, Camelle e Muxía, iniciaron onte a campaña do ourizo a flote cun prezo de dez euros o quilo. Contan cun plan conxunto de extracción. De coincidir mellor a data e non ser venres, as expectativas serían aínda máis favorables.

ACCESO Á NOTICIA COMPLETA.


A conselleira do Mar, Marta Villaverde, reuniuse hoxe cos representantes da Confraría de Pescadores de Camelle nas instalacións do pósito coruñés, no marco da escoita activa que mantén co sector.

As demandas inclúen a inclusión do porto de Santa Mariña como porto de descarga no plan de xestión do polbo e a posibilidade de vender o excedente de percebe para contribuír á autofinanciación da confraría.

Ligazón á noticia

O pasado 8 de xullo, o patrón maior da Confraría de Pescadores de Camelle, José Juan Bermúdez Tajes, o presidente da Agrupación de Percebeiros, Eugenio Castro Pardiñas, e a secretaria da entidade, Tina Castiñeira Blanco, mantiveron unha reunión coa Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, o Director Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica e a Xefa Territorial da Consellería do Mar na Coruña, co obxectivo de abordar diversos asuntos de especial relevancia para o sector pesqueiro de Camelle.

Sancións por diferenzas de peso no percebe

En primeiro lugar, trasladouse a preocupación da Confraría polas sancións impostas a varios percebeiros debido ás diferenzas detectadas entre o peso rexistrado na lonxa de Camelle e o peso recepcionado na lonxa de destino, cunha variación aproximada de 250 gramos.

Durante a reunión explicouse detalladamente o funcionamento da extracción e comercialización do percebe dentro do Plan de Explotación da Confraría de Camelle. O produto é precintado no punto de control co seu tope bruto autorizado e posteriormente trasladado á lonxa, onde é seleccionado e almacenado en cámara frigorífica ata a súa recollida polo transportista, que realiza o envío conxunto á lonxa da Coruña.

A Confraría indicou que estas pequenas diferenzas de peso poden deberse, entre outros factores, ao peso asignado ás caixas (aproximadamente 100 gramos) e á humidade dos periódicos empregados para cubrir o produto durante o transporte, que tamén pode incrementar o peso nuns 100 gramos. Insistiuse en que non existía intención algunha de comercializar produto por riba do límite permitido, tal e como parecían reflectir as actas levantadas aos percebeiros afectados.

Solicitude dunha báscula no TICPESC de Santa Mariña

Outro dos asuntos tratados foi a necesidade de instalar, dunha vez por todas, unha báscula no TICPESC de Santa Mariña, unha demanda que a Confraría leva realizando desde hai máis de catro anos.

A instalación desta báscula resulta imprescindible para que este porto poida ser incorporado ao anexo de portos autorizados para a descarga de polbo dentro do Plan Experimental do Polbo. A Confraría de Camelle considera que, dos tres portos que integran o seu ámbito territorial, Santa Mariña é o que concentra a maior actividade de captura de polbo, polo que reiterou a importancia de atender esta petición.

Venda dos excedentes de percebe

Finalmente, a Confraría solicitou poder aplicar de forma efectiva a Orde sobre excedentes de recursos específicos, publicada pola Consellería do Mar no mes de marzo.

Segundo expuxo a entidade, a interpretación realizada da norma impediu autorizar a venda do excedente de percebe, xa que este non foi considerado como tal. Con todo, a Confraría entende por excedente a diferenza existente entre o tope bruto e o tope neto, criterio que non foi recollido na aplicación práctica da orde.

Desde a Confraría de Pescadores de Camelle considérase que a comercialización deste excedente pode representar unha importante fonte de ingresos para a entidade e para o sector, polo que continuará traballando e realizando as xestións necesarias para conseguir que esta medida poida aplicarse de maneira efectiva.

A Confraría de Pescadores de Camelle seguirá defendendo os intereses dos profesionais do mar e trasladando ás distintas administracións aquelas necesidades que contribúan a mellorar a actividade pesqueira, garantindo a viabilidade e o futuro do sector.

Ligazón á noticia

A asociación Mar de Fábula cumpre este mes doce anos de actividade medioambiental. A primeira limpeza que levou a cabo no seu día foi na contorna da casa de Man de Camelle. Foi precisamente alí onde a entidade conmemorou onte esta data especial cunha nova acción.

ACCESO Á NOTICIA COMPLETA.

A conservación do museo ao aire libre que acolle o legado que aínda se conserva do artista alemán Manfred Gnädinger, máis coñecido como Man de Camelle, volve estar de actualidade e reabre o debate entre quen defende que se trata de land art (arte efémera) e quen aposta polo seu mantemento e mesmo pola súa restauración.

ACCESO Á NOTICIA.

Galicia é terra de mar. Desde as Rías Baixas ata os cantís de Ortegal, son ducias os pobos costeiros dos que se pode gozar.

Entre todos eses recunchos onde o Atlántico marca o ritmo da vida dos seus habitantes, hai un diminuto porto mariñeiro agochado na Costa da Morte, no concello de Camariñas (A Coruña), onde o mar é paisaxe, historia, traxedia, arte e supervivencia.

ACCESO Á NOTICIA.