Rhodophyta

 

As algas vermellas ou rodófitas (Rhodophyta), do grego rhódon («rosa») e phytón («planta»), constitúen un importante grupo de algas que comprende arredor de 7.000 especies de gran diversidade de formas e tamaños. Forman parte do grupo Archaeplastida, xunto coas glaucofitas (Glaucophyta) e as plantas verdes (Viridiplantae), considerado equivalente ao reino Plantae en varios sistemas de clasificación.

A principal alga vermella comercializada na Confraría de Pescadores de Camelle é Mastocarpus stellatus.

Octopus vulgaris

 

Atópase desde augas superficiais ata os 100 metros de profundidade. De actividade principalmente nocturna, é un animal carnívoro que se alimenta de pequenos crustáceos, bivalvos e peixes. Durante o día, pola contra, permanece oculto en gretas ou cavernas. Para desprazarse adoita arrastrarse polo fondo axudándose cos seus 8 brazos, aínda que tamén pode nadar empregando a propulsión a chorro. Para defenderse expulsa unha secreción a base de tinta para confundir ao seu agresor. A súa lonxevidade estímase entre 12 e 18 meses.

Pollicipes pollicipes

O percebe (Pollicipes pollicipes) é un crustáceo cirrípede da familia Pollicipedidae que medra sobre rochas batidas polo oleaxe. Aliméntase por filtración, xa que, debido á súa carencia de extremidades, permanece inmóbil adherido ás rochas toda a súa vida adulta.

O percebe adulto presenta dúas partes claramente diferenciadas: a parte superior ou capítulo e a parte inferior ou pedúnculo, que sería a parte que se fixa á rocha.

A parte superior, o capítulo, coñécese correntemente como a uña do percebe, debido ao aspecto que lle confiren unha serie de placas calcarias de cor branco agrisado. Esta uña protexe ao animal do ataque dun posible depredador e, por outra banda, protéxeo da desecación nos momentos de baixamar, cando o nivel da auga descende e o animal queda ao aire.