Consonte ao disposto na Resolución da Consellería do Mar pola que se concede unha axuda ao proxecto colectivo “Adquisición de carreta elevadora para a lonxa de Cangas” presentado pola Confraría de Pescadores ‘San Xosé’ de Cangas (NIF G36014389), ao abeiro da Orde do 26 de decembro de 2024, pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2025 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos para a modernización e mellora dos equipamentos e das infraestruturas dos portos pesqueiros, dos lugares de desembarque, das lonxas e dos ancoradoiros, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), e tramitadas como expediente anticipado de gasto, outorgóuselle á confraría de Cangas unha axuda de 35.220’68 €, a desembolsar nun único pagamento para a anualidade 2025. Tanto a instalación como a xustificación do investimento, deben acharse executados antes do 15/12/2025. Ao proxecto asignóuselle o número de expediente PE209G-2025-00018. O obxecto destas axudas é o de substituír a carreta elevadora da lonxa, marca OM e modelo XE20 AC, de capacidade de carga 2 Tm e con número de serie F14032W00057,-que se acha no final da súa vida útil-, por un novo equipo marca Mitsubishi, modelo FB20N2 de igual capacidade de elevación.