Especies

Mullus surmuletus

Dous aspectos característicos definen esta especie: as cores vermellas do seu corpo, que varían segundo a época do ano, e a súa barbicha, que usa para detectar e desenterrar os moluscos e crustáceos que lle serven de alimento. As diferenzas máis visibles entre este e o salmonete de lama son que o da pedra ten un rostro máis oblicuo e presenta tres ou catro bandas amarelas ao longo do corpo e a cor é xeralmente máis escura. Reprodúcese entre os meses de maio e xullo e pode chegar a medir ata 40 centímetros, aínda que o normal é que midan entre os 18 e os 25 cm.

Sepia officinalis

O corpo do choco é ancho e patelo, con expansións laterais en forma de aletas, e unha especie de triángulo sobre a cabeza. No seu interior ten unha cuncha longa e dura. Dotado de oito brazos e dous tentáculos, a súa cor varía dependendo do substrato onde habite.

Maja squinado

O cacho da centola é triangular por diante e case redondo pola zona de atrás. Está cuberta dunha especie de espiñas. No bordo dianteiro presenta dous pinchos máis fortes. Posúe cinco pares de patas duras e longas. A súa cor é vermella parda e debemos recordar que a centola galega é máis escura que a bretoa. Ademais, unha característica da centola das rías é que o seu cacho está cuberto por pequenas algas e arneiróns.

Spisula solida

Ten unha cuncha de forma oval-triangular; é de cor branca e textura moi suave. As estrías que presenta a cornicha cambian de ton escuro a claro conforme van do exterior ao interior da cuncha.

Venerupis rhomboides

O seu nome provén da súa tonalidade encarnada, que lle dá un aspecto diferente ao das outras ameixas. Posúe unha cuncha cuberta por liñas algo máis brillantes, que van paralelas ao bordo exterior dun ton máis pálido ca a súa propia cor. Semella estar pulida.

Venerupis corrugata

A cor deste molusco é normalmente gris pálida ou crema, con bandas tenues dunha tonalidade máis intensa e unhas liñas que se debuxan na cuncha en paralelo ó seu borde. Os sifóns da ameixa babosa están unidos en toda a súa lonxitude, sendo precisamente esta característica a que nos permite diferenciala das outras clases de ameixas.

Ensis magnus

Teñen unha superficie brillante que semella vernizada. As valvas son alongadas, cunha cuncha arqueada moi característica (en forma de navalla) que as diferencia do longueirón, co que, non obstante, comparten unha coloración similar.

Trisopterus luscus

Posúe unha mancha escura no comezo da aleta peitoral. O corpo é máis forte polo dorso que polo ventre; ten a queixada superior lixeiramente máis longa que a inferior e a barbadela prominente. A liña lateral é moi curvada. A súa cor é cobreada no dorso, con catro ou cinco bandas verticais escuras. A súa lonxitude máxima é de 40 centímetros, pero raramente excede dos 20 centímetros. Reprodúcese a profundidades de 50 a 70 metros durante os meses de abril a maio e madura no primeiro ano de vida.

Pollicipes pollicipes

Aínda que viva pegado ás rochas, é un crustáceo, non un molusco. A parte comestible do percebe ten unha pel moura e dura que remata nunha uña (cuberta de pequenas escamas) formada por varias pezas. O pedúnculo carnoso ou pé é o que lle permite adherirse ás rochas, onde vive, en zonas moi batidas. Forma grupos ou piñas. O percebe galego é máis groso e escuro que o que vén de Marrocos e a uña é máis aguzada e avermellada e con menos placas que o canadense.

Trachurus trachurus

Son peixes de corpo alongado, fociño afiado e boca grande –coma os ollos– e inclinada. Ten pálpebras transparentes, escamas pequenas e, como característica máis distintiva, a súa liña lateral, que está formada por escamas moi desenvolvidas con forma de "ese" estendido. A cor dos xurelos varía entre gris, verdosa e azulada no dorso con reflexos metálicos, e os costados son grises prateados e o ventre branco. Ten unha mancha negra detrás da cabeza á altura do ollo. Acadan a madurez sexual ao segundo ano de vida (22 cm) e reprodúcense nos meses de verán.