A Guarda
Horarios da lonxa:
- De 15:00h a 20:00h
Horarios da cofradia:
- De 8:00h a 15:00h
Confraría de Pescadores “Santa Tecla” da Guarda
A Confraría de Pescadores “Santa Tecla” da Guarda é unha organización sen ánimo de lucro, fundada o 3 de novembro de 1943 por un grupo de mariñeiros e armadores que buscaban un obxectivo común para todos os seus membros.
Actuamos como organismo consultivo e de colaboración coa Administración en asuntos de interese xeral relacionados coa pesca extractiva e a súa comercialización, especialmente nos sectores artesanais (artes menores, marisqueo, etc.). Contamos con patrimonio propio e órganos de goberno e representación: Xunta Xeral, Cabido e Patrón/Patroa Maior. Nestes órganos están representados todos os colectivos, garantindo a paridade entre a parte social e a parte traballadora. O voto de calidade corresponde ao/á Patrón/Patroa Maior.
Para ser socio existen cotas diferenciadas segundo o colectivo (barcos, gamelas, percebeiros/as e mariñeiros). Na oficina da Confraría realízanse traballos administrativos para os socios, como tramitación de permisos e licenzas, altas na Seguridade Social, partes de accidentes, entre outros.
Esta Confraría está asociada á Federación Provincial de Pontevedra, á Federación Galega de Confrarías e á Federación Nacional de Confrarías.
Lonxa
Dentro das actividades da Confraría hai unha actividade lucrativa da que proceden os ingresos que permiten manter abertas estas dependencias: a lonxa. Trátase dunha concesión de Portos de Galicia á Confraría da Guarda, con datos estatísticos desde o ano 1961.
Nesta lonxa véndense as principais especies capturadas polos buques e percebeiros, entre as que destacan:
Percebe
Ourizo
Angula
Lamprea
Badeixo
Robaliza
Linguado
Os datos estatísticos poden consultarse na web oficial de Pesca de Galicia.
Funcionamento da lonxa
As embarcacións, para poder vender nesta ou en calquera lonxa de Europa, deben estar rexistradas no Censo da Flota Pesqueira Operativa. Ademais, en Galicia deben dispoñer dun Permiso de Explotación (Permex), que autoriza o uso de determinadas artes en augas galegas.
Na Guarda existe unha particularidade: as augas de xurisdición autonómica chegan ata Cabo Silleiro; desde ese punto ata a desembocadura do Miño son augas do caladoiro nacional. Porén, o marisqueo está regulado pola Comunidade Autónoma de Galicia, incluído o polbo. O resto das especies pertencen ao caladoiro nacional.
Os/as percebeiros/as tamén deben contar cun Permex. Os recursos específicos (percebe, ourizo, lapa, etc.) están regulados por un plan de explotación elaborado pola Confraría, onde se establecen os días de traballo, o número de persoas autorizadas, os quilos extraídos, etc. Este plan debe ser autorizado pola Consellería do Mar.
Rexistro fiscal e facturación
Tanto embarcacións como percebeiros/as deben estar dados de alta no modelo 036/037 da Axencia Tributaria.
Os barcos están no réxime xeral e a maioría das percebeiras están no RGAPA, réxime especial sen IVE, aplicando unha cota de compensación do 10,5 %, que a Confraría debe ingresar trimestralmente mediante o modelo 303.
A facturación realízase nas oficinas da Confraría, semanal ou diariamente segundo o cliente. Levan un libro de facturas correlativo. Non pode existir factura dun cliente sen a correspondente factura dun provedor, nin viceversa.
Mediante o programa LonxasGalegas 4.0, compradores e produtores poden consultar en tempo real albarás, facturas, cobros e pagos.
Pesaxe e identificación das especies
Ao chegar á lonxa, o produtor pesa o produto nunha caixa homologada. Emítese unha etiqueta identificativa con código QR que contén información completa: día de extracción, produtor, quilos, especie, procedencia, frescura, etc. Esta etiqueta garante a trazabilidade do produto dentro da Unión Europea.
Tamén inclúe as marcas de calidade “PescadeRías, de onde se non?” e “Pescaenverde”, certificadas por Bureau Veritas tras superar controis de calidade e frescura.
O peixe consérvase en xeo ata a subasta (percebe ás 16:30 h e peixe ás 17:00 h). Os compradores deben estar autorizados, cumprir requisitos fiscais e presentar garantía de pago. Utilizan a aplicación “PoxaLonxas” para participar na poxa.
Réxime Especial do Mar
É un réxime específico da Seguridade Social para traballadores do sector marítimo-pesqueiro: pesca, marisqueo, redeiras, mergulladores, acuicultura, prácticos, persoal das confrarías, etc.
Existen catro grupos de cotización segundo TRB:
Grupo 1º: máis de 150 TRB (cotización sobre salarios reais).
Grupo 2A: 50–149,99 TRB (base fixa publicada no BOE, coeficiente redutor 2/3).
Grupo 2B: 10–49,99 TRB (coeficiente redutor 1/2).
Grupo III: autónomos (armadores, percebeiros/as, redeiras, etc.), coeficiente 1/3.
Os coeficientes redutores aplican á idade de xubilación segundo actividade e días traballados. A idade mínima ronda os 55 anos, sempre que exista cotización suficiente.
Diarios electrónicos
Os buques de máis de 15 TRB que permanezan máis de 24 horas no mar deben levar diario electrónico de pesca, onde se rexistran saídas, artes empregadas e capturas. Esta información transmítese en tempo real á Administración.
Os buques entre 12 e 15 TRB empregan diario en papel (envío cada 24/48 horas). As embarcacións de menos de 12 TRB comunican datos a través das confrarías e das lonxas ás estatísticas da Comunidade Autónoma.
Porto, s/n, 36780 Guarda (A) (Pontevedra) Tlf. 986613305
Quero ver outras lonxas