Barallobre
Horarios da lonxa:
- A partir das 14:30h
Horarios da cofradia:
- De 9:00h a 14:00h
A actividade pesqueira e marisqueira sempre tivo unha grande importancia na economía e na sociedade da nosa contorna. Foi un grupo de pescadores quen, hai máis de medio século, fundou a Confraría de Pescadores “Santiago Apóstolo” de Barallobre.
Nos anos 50 subastábanse en Barallobre grandes cantidades de zamburiña extraída da ría de Ferrol por mariscadores a flote. É a partir do ano 1962 cando se modifica o Regulamento da Lonxa e se amplía para integrar e controlar tamén os mariscos capturados a pé.
A partir da década dos 70 comeza a extracción en grandes cantidades de moluscos (basicamente ameixa babosa) do banco marisqueiro de “As Pías”, chegando a ser na década dos 90 o banco marisqueiro somerxido máis importante de Galicia, do cal se extraía máis da cuarta parte da produción total galega de ameixa babosa. O 13/01/1998 esta situación modifícase como consecuencia do accidente da plataforma petrolífera “Discoverer Enterprise” contra a ponte de “As Pías”. A limpeza dos restos da antiga ponte depositados sobre os fondos mariños nunca chegou a realizarse de maneira íntegra.
O marisqueo a pé presenta dúas circunstancias importantes que cómpre salientar: por unha banda, no ano 2000 a gran maioría deste colectivo, que viña desenvolvendo unha actividade económica sen estar dada de alta na Seguridade Social, constituíuse como traballadoras autónomas dentro do Réxime Especial do Mar da Seguridade Social; por outra banda, nos últimos anos, como consecuencia do seu grande traballo (limpeza, vixilancia e sementeira dos bancos marisqueiros), acadaron un incremento nas rendas que perciben pola súa actividade.
Porto de Barallobre, s/n, 15328 Fene (A Coruña) Tlf. 981360028
Quero ver outras lonxas