Mugardos
Horarios da lonxa:
- a partir das 11:00h de luns a venres
Horarios da cofradia:
- De luns a venres de 10:00h a 14:00h
A Confraría de Pescadores “San Telmo” de Mugardos atópase na localidade de Mugardos, provincia da Coruña, e é unha corporación de dereito público, sen ánimo de lucro, dotada de personalidade xurídica e capacidade de obrar. Actúa como órgano de consulta e colaboración coa Administración na promoción do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola e representa os intereses dos profesionais do sector do mar.
Na actualidade, a Confraría réxese polos seus propios estatutos, así como polo Decreto 8/2014 do 16 de xaneiro, que regula tanto as Confrarías de Pescadores de Galicia como as súas Federacións.
Na Confraría, os seus asociados dedícanse ao marisqueo a pé e á pesca de baixura, aínda que a súa actividade principal é a venda de moluscos, entre os cales están a ameixa fina, ameixa babosa, berberecho, ameixa xapónica, ameixa bicuda, ostra rizada, ostra plana e, en menores cantidades, zamburiña, navalla e mincha ou bígaro.
O seu domicilio social está na rúa Cantón de Cora, 19, no Concello de Mugardos.
O seu ámbito territorial abrangue desde Punta do Segaño ata a Rampla do Seixo, na ría de Ferrol, no cal se atopan os seguintes bancos marisqueiros:
- A BARCA
- BAÑO
- NANDE
- SANTA LUCÍA
Estas zonas están suxeitas a un Plan de Explotación e, dependendo dos días de mareas autorizados, os mariscadores a pé pertencentes a esta Confraría van traballar nelas. O requisito indispensable é posuír un PERMEX A PÉ (Permiso de explotación para marisqueo a pé) expedido pola Consellería do Mar que habilita a cada un para extraer marisco nestas zonas. Tamén conta cun Plan para a explotación de poliquetos.
A Confraría de Mugardos agrupa diversas embarcacións e profesionais do sector pesqueiro que desenvolven a súa actividade principalmente en augas das rías galegas, con artes e métodos artesanais para a extracción de peixes e mariscos.
Cantón de Cora, Nº 19 - Mugardos, 15620 Mugardos (A Coruña) Tlf. 981472227 cofradia@cofradiamugardos.org
Quero ver outras lonxas